Diego quixo convidar á escola a dúas persoas que son para el moi especiais; a súa mami Yuli e o seu avó Jaime.
Yuli e Jaime chegaron moi cargados e sentamos na alfombra para descubrir que eran aqueles ferros que traían. O avó Jaime contounos que agora xa non traballa porque está xubilado pero que toda a súa vida foi mariñeiro. Ensinounos a montar unha nasa, que é o que se utiliza para pescar polbos e nécoras. Puxemos a malla envolvendo os ferros, pechamos co cordel e no burato de círculo que ten arriba metemos o embudo. Jaime e Yuli contáronnos como funcionan as nasas. Nunha bolsiña feita con malla méntense anacos de peixiños que lle gustan moito aos polbos e dende o barco bótanse as nasas ao fondo, os polbos que teñen moi bo olfato cheiran a comidiña e entran a comer; son tan lambóns que non se decatan de que os mariñeiros están a subir as nasas tirando pola corda que as une. E así os polbiños chegan ao barco.
Jaime e Yuli ensináronnos a coser unha nasa cunhas agullas de plástico moi grandes e cordel. E coa súa axuda nós tamén cosemos!!!
Contáronnos moitas historias divertidas como a do polbo que se escapou pola cuberta do barco e corría moito moitísimo e que o tía de Diego de tanto correr tras del acabou mareado.
Cando rematamos de montar a nasa, Yuli, Jaime e Diego convidáronnos a saír ao patio, tiñan para nós outra sorpresa, Diego quería ensinarnos a Isiar, unha cadeliña moi cariñosa á que puidemos dar aloumiños e botar unhas carreiras polo patio da escola!! Que ben o pasamos!!!
Para rematar Diego e a súa familia repartíronnos unhas bolsiñas, nelas había chuches de polbiños, ameixas, quenllas e peixiños; a pesca que conseguimos por ser uns excelentes mariñeiros e mariñeiras.
Cantas cousas aprendemos e que ben o pasamos!!!


Ningún comentario:
Publicar un comentario