Co reto que vos propoñemos hoxe imos practicar as secuencias de números, contando de dous en dous. O que pretendemos e que sexan capaces de recitar a serie numérica contando de dous en dous cara adiante e cara atrás partindo tanto do número 1 (recitando os números impares) como do número 2 (recitando os números pares).
Esta destreza supón un maior avance no afianzamento da cadena numérica e permítenos a exploración dos números pares e impares.
Collede a vosa táboa do cen, se non a tendes ou non sabedes onde vai, podedes crear unha nova ou empregar o calendario que estamos facendo do mes de maio.
Para conseguir o noso obxectivo comezaremos polo número un, o trasniño coloca o seu dedo enriba e vai contando saltando un número e dicindo en alto o número que vai sinalando (1, 3, 5, 7, 9, 11, 13....) ata chegar ao número 29.
Despois repetiremos a mesma operación comezando no número 2 (2, 4, 6,....30)
Cando dominemos o conteo cara diante contaremos de dous en dous cara atrás (29, 27, 25, 23 ...) comezando en número par unhas veces e outras en número par.
Cando xa dominemos a técnica é o momento de quitar o dedo, non poderemos usar ningún apoio, somentes a nosa vista. Os números alternos os pensamos pero non os dicimos (non se pronuncian).
A repetición deste exercicio conleva un incremento significativo da velocidade e fluidez no conteo.
Será algún trasniño quen de contar pares e impares sen empregar a táboa?
Ánimo, seguro que o conseguides!!!

Ningún comentario:
Publicar un comentario